A ODS-Coia, o Grupo de Axitación Social e a parroquia do Cristo da Victoria convocamos á cidadanía a participar na ASEMBLEA ABERTA de información e denuncia da POLÍTICA SOCIAL MUNICIPAL. A xestión das Axudas de Emerxencia Municipais. Celebrarase o venres 25 de abril, a partires das 20h00 no salón de actos da parroquia do Cristo da Victoria (rúa Baiona 9, Coia).
Máis de 2.000 unidades de convivencia agardan pola tramitación de Axudas de Emerxencia Municipais (AEM) do Concello de Vigo. Son máis de 2.000 solicitudes dunha axuda social para “satisfacer necesidades básicas en relación coa alimentación, o aloxamento ou calquera outra situación que poida supoñer un factor de marxinalidade ou risco de exclusión social”, que debido ao “colapso” no concello de Vigo -ata agora estaban a a ser concedidas en pouco máis dunha semana- están a acumular atrasos insoportables para a veciñanza máis empobrecida da cidade.