Convocados pola "Asemblea de Movementos Sociais de Vigo" varios colectivos e persoas da cidade -ás que hai que engadir as xentes de Baladre que pechaban unha semana de marchas polo norte peninsular- concentrámonos diante do concello para esixir dereitos sociais para todas as persoas.
No acto aproveitamos para renomear como "Praza dos Dereitos Sociais" a antes coñecida como "Praza do Rei" e tamén para entregar no rexistro do concello a seguinte:
Carta cidadá de mínimos nas políticas de Benestar Social
Os colectivos abaixo asinantes queremos denunciar a situación de total indefensión e precariedade na que as institucións públicas deixan a unha poboación cada vez máis empobrecida, vítima dun sistema económico excluínte que impide que dispoña do imprescindible para vivir con dignidade.
Fronte á realidade de terrible inxustiza social que está a padecer a cidadanía, o Concello de Vigo e a Xunta de Galicia despregan unhas políticas sociais absolutamente miserables e ineficaces, tanto no seu deseño como na aplicación, sempre sen orzamentos.