Convocados pola "Asemblea de Movementos Sociais de Vigo" varios colectivos e persoas da cidade -ás que hai que engadir as xentes de Baladre que pechaban unha semana de marchas polo norte peninsular- concentrámonos diante do concello para esixir dereitos sociais para todas as persoas.
No acto aproveitamos para renomear como "Praza dos Dereitos Sociais" a antes coñecida como "Praza do Rei" e tamén para entregar no rexistro do concello a seguinte:
Carta cidadá de mínimos nas políticas de Benestar Social
Os colectivos abaixo asinantes queremos denunciar a situación de total indefensión e precariedade na que as institucións públicas deixan a unha poboación cada vez máis empobrecida, vítima dun sistema económico excluínte que impide que dispoña do imprescindible para vivir con dignidade.
Fronte á realidade de terrible inxustiza social que está a padecer a cidadanía, o Concello de Vigo e a Xunta de Galicia despregan unhas políticas sociais absolutamente miserables e ineficaces, tanto no seu deseño como na aplicación, sempre sen orzamentos.
No eido local, non temos máis que botar unha ollada ao publicitado cheque social ou ao mal funcionamento das Axudas de Emerxencia Municipais (AEM) para constatalo. Con respecto ao primeiro, este programa resulta totalmente insuficiente e inxusto, non só pola evidente e mesmo insultante escaseza da contía orzamentaria, senón tamén polo seu carácter eminentemente restritivo tanto no que ten que ver cos ingresos máximos das persoas potencialmente beneficiarias, como nos anos de empadroamento esixidos. E no que atinxe ás AEM, o panorama non é mellor, co colapso máis absoluto na tramitación, con persoas agardando máis de tres meses pola resolución, e coa aplicación de criterios máis restritivos que o establecido polas propias bases, no referente, por exemplo, ao pago de recibos (só se hai orde de corte) ou á concesión de axudas para alimentos (unicamente a persoas con ingresos cero).
No que á Xunta de Galicia se refire, a crúa realidade da RISGA (longos tempos de espera que se prolongan ata os oito meses, burocracia excesiva, escasa cobertura, contías mínimas...) está a agravar dun xeito intolerable a terrible situación de empobrecemento e precariedade que padecen tantas persoas e familias en Galicia. E o acordo parlamentario publicado o 12 de xuño no Boletín Oficial do Parlamento, no que se insta á Xunta a que axilice a tramitación da RISGA e das axudas de inclusión social para cumprir os prazos que marca a normativa vixente, non fai senón demostrar que se está a incumprir sistematicamente o establecido pola lei.
Fronte a estas propostas ineficaces e inxustas do Concello e da Xunta en termos de transformación social e de loita contra o empobrecemento; fronte a estes modelos de axudas e “rendas ou salarios de pobres”; en definitiva, fronte ás AEM e aos cheques sociais, fronte á propia RISGA..., non nos queda máis que organizarnos dende abaixo para que se escoiten ben forte as nosas voces de denuncia e as nosas alternativas transformadoras.
Por iso, os colectivos abaixo asinantes decidimos saír á rúa para denunciar publicamente a actual situación e, sobre todo, para esixir unha resposta inmediata e xusta das administracións local e autonómica.
AO CONCELLO DE VIGO, ESIXÍMOSLLE:
1º. Ampliación orzamentaria significativa das partidas adicadas ás políticas de benestar social, e reparto das mesmas con criterios de achegamento directo aos demandantes das axudas evitando a perpetuación dos modelos asistencialistas.
2º. Ampliación inmediata do número de técnicos con criterios multidisciplinares, ate cumprir a ratio legal dun técnico cada 8.000 habitantes.
3º Que poña enriba da mesa os recursos necesarios para resolver dunha vez por todas o “colapso” na tramitación das Axudas de Emerxencia Municipais (AEM), cumprindo coa súa obriga de garantir que os cartos cheguen de xeito inmediato ás viguesas e vigueses que tanto as precisan.
4º. Respecto do procedemento administrativo legal na tramitación dos expedientes das axudas sociais, evitando actuacións populistas, puntuais e demagóxicas e respectando a dignidade das persoas demandantes.
5º. Equiparar as urxencias sociais coas urxencias sanitarias, resolvendo no “aquí e agora” diagnóstico e tratamento a través dunha fiestra única integral de resposta inmediata nas políticas sociais.
6º. Transparencia nos datos estatísticos das memorias anuais, de xeito que quede reflectido con rigor non so o que se fixo, senón tamén o que se deixou de facer por falla de recursos orzamentarios.
7º. Creación dun parque de vivendas de iniciativa pública, en réxime de aluguer ou cesión, adaptadas ás necesidades obxectivas das persoas solicitantes, en distintas zonas da cidade.
8º. Fomento da participación cidadá no reparto e distribución das partidas orzamentarias, abrindo canles de comunicación e decisión.
9º. Constitución dunha oficina de intermediación de apoio e asesoramento dos afectados por unha execución hipotecaria ou por un desafiuzamento por alugueiro.
10º. Reapertura inmediata do Programa Municipal SEREOS do Casco Vello, garantindo o máximo confort posible das persoas.
Á XUNTA DE GALICIA, ESIXÍMOSLLE:
1º. Aumento significativo do investimento social nos orzamentos.
2º. Priorizar a finalidade social das partidas orzamentarias.
Os presupostos teñen que centrarse dun xeito prioritario en dar unha resposta xusta e inmediata á situación de emerxencia social que padecen cada vez un número maior de galegos e galegas, en lugar de ser malgastados en proxectos que nada teñen que ver coas necesidades reais e fundamentais das persoas.
3º. Supresión do actual sistema da RISGA e establecemento dunha Renda Básica non inferior ao limiar da pobreza.
En todo caso, mentres continúe vixente a RISGA, mentres non sexa realidade a Renda Básica, resulta obrigado que a Xunta:
- Cumpra o establecido pola lexislación vixente no que atinxe aos prazos de resolución (dous meses como máximo).
- Aumente significativamente o orzamento e, en consecuencia, as contías.
- Simplifique os trámites e elimine os requisitos restritivos que deixan a moita xente sen poder acceder á axuda, de xeito que esta pase a ser un dereito obxectivo.
- Facilite datos públicos da RISGA.
4º. Posta en marcha dunha política de vivenda eficaz e xusta que garanta o acceso á vivenda para todas as persoas, empezando por aquelas que viven por baixo do limiar da pobreza, a través da creación dun parque de vivendas de iniciativa pública, en réxime de aluguer ou cesión, en distintas zonas da cidade, adaptadas ás necesidades obxectivas das persoas solicitantes.
5º. Creación de rexistros autonómico e municipais de persoas sen fogar e falecidas na vía pública, choupanas, caixeiros..., coa obriga dos organismos competentes de información aos devanditos rexistros (hospitais, policía, xulgados...).
6º. Creación de rexistros autonómico e municipais dos suicidios derivados de execucións hipotecarias e “acosos bancarios”.
7º. O cese inmediato dos desafiuzamentos por execucións hipotecarias.
8º. Establecemento da dación en pago de forma inmediata e universal.
9º. Poñer a disposición da cidadanía das vivendas desocupadas ou baleiras.
Vigo, 24 de Xullo de 2014
“ASEMBLEA DE MOVEMENTOS SOCIAIS DE VIGO”
---
Imaxes do acto: https://www.flickr.com/photos/axluar/sets/72157645503245560
- Inicie sesión para comentar