Represión no Congreso de Directivos

fotoA Coruña, 14 de Outubro de 2015.Onte denunciabamos a represión en forma de sancións administrativas a un compañeiro, e hoxe queremos lembrar uns feitos acontecidos hai unha semana que veñen amosar que a violencia institucional contra os movementos sociais, no canto de diminuír, parece que aumenta nos últimos tempos.

Durante a tarde do pasado martes día 6 colaboramos na celebración do Congreso Anticapitalista na Praza do Obelisco, en resposta ó Congreso de Directivos que se viña celebrando no Palexco o mesmo día dende primeira hora da mañá, un evento privado (había que pagar unha entrada de 200 € para poder asistir) organizado pola CEDEno que se reunían representantes de algunhas das maiorestransnacionais co explícito apoio de tódalas institucións do Estado.

No noso AntiCongreso, puidemos coñecer de primeira man a experiencia das persoas que traballan en Inditex, para Telefónica (a través de empresas subsidiarias como Atento ou Extel), en Mercadona ou na Universidade Pública (co seu proceso de privatización funcionando a pleno rendemento). As condicións abusivas que sufren estas persoas nos seus postos de traballo contrastan coa alegría coa que os seus directivos presumen de beneficios e cifras de vendas, fachendean de seren os responsables da recuperación económica (recuperación? Para quen?), ó tempo que se permiten dar consellos sobre como “mellorar as cousas”.

Tras finalizar o Congreso Anticapitalista, arredor das 20h, varias persoas se achegaron espontaneamente ata o Palexco para amosar o seu descontento. Alí, nese momento, non había xa máis dispositivo de seguridade que un policía nacional e, as persoas asistentes ó Congreso de Directivos estaban comezando a saír do edificio. O grupo crítico colocouse a varias decenas de metros do Palexco, perto do muro exterior, protestando pacificamente contra o sistema capitalista que nos impide vivir dignamente, mesmo sobrevivir.

Cinco ou dez minutos máis tarde chegaron varios furgóns de policías antidisturbios que, sen mediar palabra e aproveitando que non había medios de comunicación diante, puxéronse a empurrar ás manifestantes violentamente, chegando a agarrar a alguén pola gorxa e golpeando a un par de persoas coas porras. Identificaron a oito persoas, que posiblemente recibirán nuns meses a desagradable proposta de sanción coa que adoita agasallar a Delegación do Goberno á xente pertencente ós movementos sociais.

As únicas testemuñas deste episodio de brutalidade policial inxustificada
foron as propias asistentes ó Congreso de Directivos, algunha das cales mostrouse solidaria contra a violencia que se estaba desenvolvendo ante os seus ollos. Como colofón ó día de adoutrinamento capitalista que levaban, obtiveron outra lección: que a ilusión de estabilidade deste sistema xa non se mantén nin aplicando a Mordaza.

Etiquetas: