O concelleiro de Servizos Sociais da Coruña identifica como única solución para as dúas mulleres enfermas en risco de desafiuzamento que se poñan “a buscar unha vivenda barata”

Solapas principales

fotoÁs 7.30hrs. da mañá (31-06-14) de hoxe dous integrantes do STOP Desafiuzamentos A Coruña  acompañaron á muller de 33 anos residente nos Mallos que se atopa en risco de ser desafiuzada xunto ca súa nai a unha reunión co concelleiro de Servizos Sociais. O motivo deste estraño horario foi, segundo nos dixeron onte, que Miguel Lorenzo tiña a axenda moi ocupada. Iso si, de repente deberon de cancelarlle ducias de compromisos, porque vinte minutos despois de que rematara a reunión connosco, baixou xunto co resto de traballadoras a tomar o café, que para almorzar si que é capaz de sacar un oco a horas máis razoábeis...

Nesta xuntanza, dunha hora aproximada de duración, puidemos comprobar como, logo de que pasara máis dun ano dende o caso de Aurelia Rey, e mesmo tras recoñecer o concelleiro de Servizos Sociais que sabe da sentencia emitida recentemente polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos sobre a obrigatoriedade institucional de proporcionar alternativas habitacionais a quenes están en risco de perder o seu fogar,  a posición de Miguel Lorenzo segue a ser a mesma: rexeitar a posibilidade de xestionar unha vivenda a aquelas persoas que se acoden á concellaría comunicando que van ser desafiuzadas e teñen a rúa  como única alternativa.

Se ben a reunión mantívose nun ton correcto, Lorenzo sinalou como única solución para o caso desta compañeira enferma de fibromialxia e a súa nai –afectada por trastornos psiquiátricos e cun 65% de minusvalía, depende da filla as 24hrs. do día-,  que se poñan pola súa conta a buscar un piso barato. Iso si, como A Coruña é unha das cidades cos alugueiros máis caros do Estado, Lorenzo suxeriulles que se vaian a algún lugar da “área metropolitana” –quizais porque así, con un pouco de sorte para el, acaban noutro concello e xa non dependen da  Concellaría de Servizos Sociais da Coruña...-.

Segundo o concelleiro, no caso de que estas mulleres atoparan unha vivenda “barata”, logo xa se miraría se habería posibilidades de parchear a súa existencia a base de “complementos económicos” desligados entre si, tales como o Banco de Alimentos ou o programa de comida a domicilio, dando por satisfactorias alternativas moi afastadas da estratexia de inclusión social integral que se supón debe de ter un concello en pleno século XXI.

De feito, parece que a Miguel Lorenzo todo lle vale.... Malia a asegurarnos que o Concello só ten unhas 90 vivendas de alugueiro social en toda a cidade dispoñíbeis para este tipo de situacións, e atoparse todas ocupadas neste momento e con lista de espera, remarcou que o orzamento da Concellaría aumentou para as “axudas de emerxencia”, e valorou que a atención ás persoas en risco de exclusión social é totalmente correcta e non están colapsados -pese a haber na actualidade uns 3.500 coruñeses e coruñesas agardando pisos de alugueiro social do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS)-. Neste sentido, tamén reiterou que non coñece que exista dificultade ningunha para tramitar a RISGA a quen a pida e cumpra os requisitos. Ámbalas dúas afirmacións falan por si soas do afastado que o señor Lorenzo se atopa da realidade social desta cidade.

Ademais, cando na xuntanza se lle propuxo a opción de constituír un parque de vivendas sociais integrado por parte das 20.000 baleiras neste momento na cidade, tivo a hipocrisía de valoralo como unha boa idea e propoñernos que falemos “con algún partido político” para que leven unha moción ao Concello, como se el mesmo non pertencera ao Partido Popular que goberna na Coruña, e obviando que precisamente o seu partido conta ca maioría absoluta necesaria para aprobar este tipo de iniciativas, así como para rexeitalas cando o propoñen outros grupos políticos locais.

Polo tanto, neste momento, a única alternativa institucional destas dúas mulleres enfermas e en risco de desafiuzamento é agardar pola resolución do IGVS ao respeito da súa solicitude de vivenda pola vía de urxencia, unha alternativa que, lamentabelmente, xa fallou en casos como o desafiuzamento de Elisabeth Sanlés.

Pola nosa banda, queremos remarcar unha vez máis unha realidade que, por moi obvia que sexa, parece non querer ser recoñecida por persoas como o concelleiro de Servizos Sociais, cargos políticos responsábeis de velar polo cumprimento dos dereitos sociais xestionando os orzamentos públicos: os desafiuzamentos non son inevitábeis, as persoas desafiuzadas non son culpábeis, e hai  construídas vivendas de sobra para cubrir as necesidades  da poboación –a nivel galego hai arredor de  300.000 vivendas baleiras segundo cálculos do Instituto Nacional de Estadística (INE)-.

O problema é que dende as institucións públicas o que se está a protexer non é o dereito da cidadanía a unha vivenda digna -recollido na propia Constitución-, senón á especulación inmobiliaria e financiera argüída por entidades bancarias estafadoras ca connivencia de representantes políticos corruptos enriquecidos á costa da burbulla inmobiliaria.

STOP Desafiuzamentos A Coruña

Twitter: @desahuciocoruna
Blog: stopdesahuciosacoruna.blogspot.com
Facebook: https://www.facebook.com/pages/STOP-DESAHUCIOS-A-CORU%C3%91A/21606549511...

Etiquetas: