Plataformas de Afectad@s pola Hipoteca e Colectivos Stop Desafiuzamentos de Galiza-. Cada vez somos máis as persoas que exercitamos o dereito á desobediencia civil contra as actuacións inxustas que ameazan todos os anos a miles de persoas con expulsalas pola forza da súa vivenda e botalas á rúa sen ofrecerlle ningunha alternativa habitacional, infrinxindo así claramente ó dereito de todas as persoas a unha vivenda digna, tal como ten recoñecido xa repetidamente o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.
Cando as institucións vulneran o dereito a unha vivenda digna (como ten pasado, entre outros, nos casos de Aurelia Rey, Elisabet Sanlés, a familia de Aríns, ou a de Elviña) nós vémonos obrigadas a procurar defendelo impedindo coa nosa resistencia pacífica a actuación inxusta das comisións xudiciais e forzas policiais. Ante o cal o goberno está respondendo dun xeito represivo, practicando detencións arbitrarias, poñendo multas, golpeando inxustificadamente a persoas que resisten pacificamente e tratando de meter medo para impoñer pola forza o que non é capaz de resolver co diálogo e o respecto obrigado dos dereitos das persoas.
Pero para que haxa unha democracia de verdade hai que escoitar á xente, por que o pobo é quen máis ordea.
E para dicirlle ao goberno que non nos farán calar coa súa represión, que a cidadanía organizada non temos medo, que sabemos o poder que temos cando actuamos unidos, e que reafirmámonos en que continuaremos desobedecendo as leis inxustas en defensa dos dereitos humanos sempre que sexa necesario, facemos un chamamento a toda a cidadanía para concentrarnos o próximo xoves 18 de decembro diante das catro Subdelegacións do Goberno, onde daremos lectura ao manifesto que acompañamos.
Galiza, a 1 de decembro de 2014.
- Inicie sesión para comentar