Volvemos ás rúas para celebrar o 17 de outubro, data que rebautizamos o ano pasado como "Día contra a riqueza". A Oficina de Dereitos Sociais de Coia, a Parroquia Cristo da Vitoria, o Grupo de Axitación Social (GAS) e as xentes de Baladre aproveitamos este día para denunciar, unha vez máis, que o capitalismo é o responsable da desigualdade, da inxustiza, da pobreza... que padecemos cada día máis persoas.
Nada mellor que aproveitar o "Día contra a riqueza" para lanzar a campaña galega: “Da RISGA á RBis” cos colectivos antes nomeados. Con dita campaña queremos, ademais de visualizar a desfeita que é a Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) en termos de transformación social e de loita contra o empobrecemento, defender a necesidade de superar estes modelos asistenciais e loitar pola Renda Básica das iguais (RBis). Definimos a RBis como o dereito de toda persoa a recibir unha cantidade periódica que cubra as súas necesidades elementais.
Deste xeito o venres 17 seguiremos coa recollida de sinaturas da ILP pola Renda Básica na Praza América de Vigo, a carón da biblioteca de Travesas.De 10h00 a 13h00 estaremos a recoller firmas, cunha parada ás 12h00 para dar lectura do manifesto de inicio da campaña galega: “Da RISGA á RBis”.
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia)
odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732
Estamos os luns de 17h00 a 19h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo)
- Inicie sesión para comentar