O Concello tenta o desaloxo forzoso das familias afectadas polo Parque Ofimático a golpe de decreto municipal

fotoPoucos foron os meses de tregua do Concello da Coruña no seu teimado acoso urbanístico ás familias que residen nos terreos do faraónico despilfarro do Parque Ofimático.

Fai menos de dúas semanas Álvaro, un dos veciños da marxe dereita da Avenida Alfonso Molina –dirección saída da Coruña-, recibiu unha notificación na que César de Jesús Otero Grille, Director Xeral de Urbanismo, lle comunicaba que viña de asinar un Decreto Directivo no que lle insta a desaloxar a súa casa xunto co seu fillo e a súa nai de 79 anos, indicándolles que, de non facelo voluntariamente, iniciaranse os procedementos pertinentes para forzalos a abandonar o seu fogar e demolerlles a casa. Xunto con Álvaro, en total recibiron esta notificación 5 familias, ubicándose as catro restantes na marxe esquerda.

Na actualidade 12 familias residentes na zona de Eirís-Castro de Elviña onde se quere construír este megaproxecto de vivendas e oficinas manteñen unha forte loita para evitar perder os seus fogares por culpa da megaoperación de especulación urbanística do Parque Ofimático. Cómpre lembrar que os seus terreos foron expropiados sen o seu consentimento, negativa que o Concello castigou obrigándoas a se converteren en  promotoras forzosas, procedendo a lles cobrar custos de urbanización por valor de milleiros de euros que lles resulta imposíbel pagar, situando a estas familias no abismo de verse sen casa e fortemente endebedadas por culpa dun proxecto que empezou sendo de uso social e acabou converténdose nunha operación de especulación urbanística ca que poñer cartos públicos ao servizo de intereses privados e engrosar a lista das 20.000 vivendas que xa a día de hoxe fican baleiras na cidade.

Aliás, en casos concretos como o da familia de Álvaro, a cambio dos 1.500 metros cadrados que lle queren expropiar vanlle devolver menos de 500 metros cadrados de terreo, sen casa, e tendo que pagar custos de urbanización, o cal, en plena crise económica, suporíalles endebedarse en cantidades que poderían chegar a superar os 40.000€.

Pero ademais o concello da Coruña ten tanta présa en botalos das súas casas que nin sequera respecta os procedementos administrativos abertos e pretende facelo polas bravas, a golpe de decreto do Director de Urbanismo. Na actualidade, 5 familias -4 residentes na marxe dereita da Avenida, entre as que se atopa a de Álvaro, e unha da marxe esquerda- están agardando pola resolución das alegacións que presentaron ás modificacións do Plan Parcial no período aberto para tal efecto o pasado mes de xullo, a través das cales solicitaron a desafección das súas vivendas dentro do Plan.

Estas familias consideran totalmente desproporcionado que lles tiren as súas casas dada a inadecuación do proxecto, alegando que inicialmente foi proxectado para un “ben social”  e posteriormente “reconvertido” en vivendas, sen adaptación ao actual descenso de demanda de vivenda, cun custo de edificación orzamentado moi superior ao aplicado noutros polígonos da cidade, e sen garantías do dereito de realoxo que estas familias deberían ter no  proxecto de reparcelación.

Ademais, as casas da marxe dereita atópanse nos terreos que o proxecto destina a “equipamentos escolares”, resultando sospeitoso que se tivera reservado a tal efecto unha extensión superior á esixida legalmente sen que exista xustificación algunha. De feito, a veciñanza afectada está convencida de que non se empregarán para a construción de colexios –como está especificado no Plan-, xa que hai centros educativos próximos e unha clara tendencia de descenso de natalidade. As familias sospeitan que a dotación de equipamentos é unha desculpa para derrubar as súas casas e acabar construíndo máis edificios.

Sen embargo, o goberno corrupto do alcalde Carlos Negreira, con Martín Fernández Prado como Concelleiro de Urbanismo, prefire obviar as esperanzas que estas 5 familias teñen postas na resolución destas alegacións e recruecen o acoso inmobiliario, dito sexa de paso, comunicado no mes de agosto en plenas festas da Coruña, detalle que polo menos podemos cualificar de indubidábel mal gusto.

Sen dúbida, o acoso urbanístico do goberno local ás familias afectadas polo Parque Ofimático voltará ser a carta de presentación do Concello da Coruña nos medios de comunicación nos vindeiros meses. Aliás, a cuestión de fondo segue a ser a mesma nestes últimos seis anos: por que en plena crise económica -e total afundimento do sector urbanístico- o Concello da Coruña está interesado en construír case 1.500 vivendas malia a ter xa 20.000 vivendas baleiras na cidade? Ata onde chegan os intereses das persoas integrantes do consistorio municipal que ata están dispostos a desaloxar ás familias a golpe de decreto municipal?

Dende STOP Desafiuzamentos A Coruña manterémonos apoiando a loita exemplar destas 12 familias, que conta ademais cun importantísimo apoio por parte das coruñesas e coruñeses.

Nin xente sen casa, nin casas sen xente!!

Etiquetas: