Masa crítica infantil A Coruña

Masa Crítica Infantil, venres 5 de setembro.
Saída ás 20:00h na Praza de María Pita.

A CoruñaA mobilidade infantil é un dos mellores indicadores para avaliar a calidade da mobilidade en xeral dunha cidade. Na Coruña, a falta practicamente absoluta de medidas de calmado do tráfico produce unhas condicións pésimas para o desprazamento autónomo das nenas e nenos, así como para modalidades de acompañamento por parte de nais e pais en medios de transporte diferentes ao coche. Cabe destacar o rol determinante que xogan o medo e a percepción de riscos na mobilidade infantil, o coche estende o medo polo espazo público creando unha cidade insegura á que non podemos confiarlle as nosas fillas e fillos.

Ao mesmo tempo, atender ás necesidades da mobilidade infantil e do dereito á cidade das nenas e nenos supón imaxinar cambios en todos e cada un dos supostos nos que se basea a construción da mobilidade urbana e da cidade no seu conxunto, o seu potencial transformador é altísimo.

Para este venres, día 5 de setembro, convocamos unha edición ben especial da Masa Crítica da Coruña, chamamos a xuntar nenas e nenos coas súas bicis, ou transportad@s en bicis de maiores, para crear e reivindicar un espazo seguro e divertido. Facemos tamén un chamado especial para que vos acheguedes, mesmo sendo ciclistas xa de certa idade, para axudar a facer un grupo grande e así circular con máis seguridade.

Rogámosvos tanta puntualidade como vos sexa posible na saída, pois os horarios desta xente pequena son delicados, esta vez non imos demorar practicamente nada.

Vémonos na masa!

Etiquetas: