La Xunta endurece la RISGA a base de instrucciones opacas

A Consellería de Política Social, que dirixe José Manuel Rey Varela, continúa co seu acoso ás persoas máis empobrecidas, en concreto ás perceptoras da RISGA. Explicamos a situación que está a sufrir unha compañeira.

A muller recibiu, a mediados de marzo, un requirimento da Xunta. Nel esíxenlle que acredite que vive nunha vivenda independente á dos seus pais, malia que hai uns meses entregou un padrón municipal onde aparecía numeración diferente para cada vivenda.

Esta compañeira vive coa súa filla nunha “caseta de obra” situada na mesma finca onde o fan os seus pais nunha casa independente á dela. Así o di o concello, a través do padrón, onde teñen asignados números de portal distintos para cada vivenda -unha delas moi precaria- do terreo. Unha situación clara e sinxela de entender: dúas familias que viven en fogares independentes na mesma finca. Na Xunta incluso teñen informes da traballadora social do concello que certifican isto.
Seica esta realidade non se acomoda aos desexos da Xunta, polo que lle requiren unha “certificación catastral e/ou recibo do IBI..., nos que figure unha referencia catastral distinta á vivenda dos pais”. De non facelo terá que achegar “documentación referida aos seus pais e ao seu irmán”.

Ela e nós ficamos estupefactos logo de ler esta petición. Tratamos de buscar respostas e as atopamos na Xunta, onde recoñecen que cumpren as ordes da consellería chegadas en forma de instrucións (orais e de obrigado cumprimento). A indefensión absoluta!

O 1 de xaneiro de 2014 entraba en vigor a lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia que modificaba a anterior da RISGA. Malia o dito na disposición derradeira da citada lei: “a Xunta de Galicia, nun prazo máximo de seis meses desde a publicación desta lei, elaborará as disposicións necesarias para o seu desenvolvemento e aplicación” ficamos sen un decreto que a desenvolva. Vivimos na “excepcionalidade”, que a Xunta xestiona a golpe de instrucións opacas e restritivas, que marcan o camiño do que, cando lles pete, plasmarán no decreto.

Malia os rechamangueiros anuncios da Xunta sobre os presuntos beneficios que ía traer a nova lei, a realidade é ben distinta. Sen decreto, fican bloqueados os aspectos máis beneficiosos da norma: posta en marcha dos tramos de inserción e de transición ao emprego ou a suba das contías a percibir polo complemento de alugamento. Á indeterminación legal, hai que engadir unha escura e restritiva xestión da RISGA feita a golpe de instrucións. Semella que para a Feijóo e Rey Varela este é o mellor escenario para afondar nun modelo de xestión da miseria marcado polo asistencialismo e a privatización das necesidades básicas.

O silencio da Xunta sobre o decreto, unido á mala xestión tantas veces denunciada (atrasos na tramitación, miseria das contías, control excesivo...) fala moito das intencións da Xunta coa RISGA: máis restrición e máis endurecemento.
Fronte a violencia da Xunta, esiximos dereitos sociais fortes. Xunto a moitas persoas e colectivos pulamos por pasar da RISGA, das faragullas, dos negocios coas nosas necesidades... e chegar a outras formas de organización onde as necesidades de todas sexan cubertas.

Coia, marzo 2017

ODS-Coia e G.A.S.

Etiquetas: