O Espazo Aberto Antimilitar colectivo vigués formado por persoas que traballan pola construción dunha sociedade máis xusta e desmilitarizada lanza outro ano máis a campaña galega pola Obxección Fiscal ao Gasto Militar baixo o lema: "Desinfectemos os nosos cartos do militar". Defenden facer obxección fiscal na declaración da renda, acto de desobediencia civil que consiste en desviar os cartos que o Estado dedica a fins militares a proxectos sociais.
Dentro desta campaña lanza a web: 2020.nonaogastomilitar.org na que recollen toda a información: texto, gasto militar en España en 2019, información sobre como facer OF, destino proposto...
Achegamos o texto da campaña pola OF 2020:
Din que estamos en guerra.
En guerra... contra un virus.
Vemos como o comité de crise para controlar unha emerxencia sanitaria está formado por un experto neste ámbito, fronte a tres representantes das forzas de seguridade do estado (e ninguén do eido da protección social). Escoitamos, cada día, un discurso bélico para falar dunha enfermidade.
De termos destinado, atendendo a criterios de seguridade humana, tan só unha pequena parte dos recursos destinados á militarización e a armamento durante a última década (206.745 millóns de euros desde 2008), agora sen dúbida contaríamos cun mellor sistema público de saúde e cun sistema de protección social máis robusto e capaz.
Durante os últimos quince anos, nun empreño propagandístico para xustificar os desorbitados gastos militares, fomentar a centralización contra as competencias de comunidades autónomas e a fin de contas contribuír ao control social, a Unidade Militar de Emerxencias foi impoñendo o seu intrusismo profesional e substituíndo continuamente Servizos de Protección Civil que antes eran públicos tamén pero civís.
Temos así que aplaudir agora ao exército por facernos o gran favor de desinfectar residencias e aeroportos, montar hospitais de campaña, ata levar a compra ás anciás, ao igual que hai un par de anos tivemos que aplaudirlles por, en teoría, protexernos dos lumes en Galiza. Non será entón que o que precisamos son bos servizos de limpeza, sanidade, asistencia social, extinción de incendios e un longo etcétera de todos os servizos públicos que levan anos desmantelándose?
Pero a militarización da sociedade non é, obviamente, só unha cuestión de competencias. O que está en xogo é o modelo social. Un modelo de sociedade baseado na protección real das persoas ou no seu control. Unha sociedade de persoas informadas ou de soldados obedientes. A súa aposta está clara, sobre todo de cara aos tempos que virán. Pero a nosa aposta tamén.
Aproveitemos esta declaración da renda para desinfectar os nosos impostos do virus do militarismo, e continuemos loitando por unha sociedade na que poidamos relacionarnos a través doutros valores: a confianza, solidariedade, empatía, apoio mutuo, a reflexión colectiva, etc.
FAGAMOS OBXECCIÓN FISCAL AO GASTO MILITAR!
- Inicie sesión para comentar