Campaña galega: "Normalizar dereitos"

cartelVarios colectivos de Galiza lanzamos este lunes 16 de noviembre la campaña "Normalizar derechos" que a lo largo de varias semanas pretende sensibilizar y denunciar la situación que padecen personas migradas, refugiadas y racializadas. Las organizaciones que promovemos esta campaña somos: Foro Gallego de la Inmigración, SOS Racismo, Resistencia en Terra Allea, Raias Travesseiras, Asociación Fuco Buxán y ODS-Coia.

Os dejamos el texto de presentación de la campaña:

Normalizar é unha palabra que non nos gusta. Sentimos que alude ao que é hexemónico, ao que está no centro. Todo o contrario do que queremos reivindicar como colectivos e espazos que loitamos contra o racismo, o colonialismo, as políticas migratorias e de fronteiras.

Con todo, nos últimos tempos estamos a vivir unha normalización dos discursos de odio e da presenza da extrema dereita nas institucións, espazos mediáticos e nas rúas. Normalízanse as redadas racistas e identificacións arbitrarias, a criminalización das infancias migrantes. O abandono institucional cara as persoas que sosteñen servizos esenciais como a recollida de froita ou os coidados, as cales quedaron sen ningún tipo de apoio ou prestación nesta situación de crise sanitaria. As mortes nas fronteiras. Normalízase a violencia que supón non poder acceder a citas en estranxeiría para renovar documentación ou ter que seguir na irregularidade administrativa despois de anos vivindo neste territorio porque non se logra presentar un contrato dun ano a xornada completa para poder realizar ese trámite.

Fronte a normalización do fascismo e do racismo, das violencias cotiás contra as vidas das persoas migradas, refuxiadas e racializadas, queremos deixar claro que o único que compre normalizar nunha sociedade verdadeiramente democrática e na que prime a xustiza social son os dereitos.

Dereitos como o acceso a educación, saúde, vivenda ou ao ocio, cultura e participación social. A poder abrir unha conta bancaria. A vivir sen medo a unha deportación ou a sufrir unha identificación por perfil racial ou étnico. A non ser ignorada, revitimizada e violentada polo racismo institucional despois de vivir e denunciar unha agresión machista. Todos estes e moitos máis son dereitos fundamentais que a día de hoxe seguen a ser negados ás persoas migrantes, refuxiadas e/ou racializadas. Que seguen a ser vulnerados no cotiá e que non contan coas accións e políticas necesarias para erradicar a discriminación e o racismo estrutural e institucional.

Por iso, diferentes colectivos antirracistas, polos dereitos das persoas migrantes e contra as fronteiras lanzamos esta campaña para dar a coñecer algunhas das vulneracións de dereitos que se están a producir no contexto galego e español. Ao longo de varias semanas visibilizaremos vulneracións e tamén as nosas esixencias en materia de Seguridade e Loita contra as Fronteiras, Igualdade e Diversidade, Administrativos, Económicos, Saúde, Ocio, Cultura e Participación, Dereitos Sociais, Vivenda, Políticos e Educación.

Ademais da campaña nas redes sociais estaremos desenvolvendo unha serie de actividades complementarias como concentracións, faladoiros, accións de rúa e outras. Animamos a seguir a campaña e a sumarse a ela partillando os contidos e participando nas actividades. Apelamos a rachar coa normalización da exclusión. Que as violencias contra as vidas racializadas e migradas non nos sexa indiferente.

Tamén queremos amosar o recoñecemento a todas as nosas compañeiras, compañeiros e compañeires, persoas racializadas e/ou migradas que visibilizan e denuncian a través de diferentes canles, as discriminacións e vulneracións que viven cada día, pasando por cima das trabas burocráticas e posíbeis represalias. Estes xestos de coraxe e defensa dos dereitos fundamentais son a materia para transformar os cimentos desta sociedade tan profundamente atravesada pola desigualdade, a xenofobia e o racismo.

Esixe, propón, actúa. Loita!

Galería de imágenes, haz clic sobre la imágen: 

Etiquetas: