A Xunta manda inspectores aos domicilios dos perceptores da RISGA na procura de fraude

Above. Festival Asalto. ZaragozaA Xunta e o seu mundo ao revés, no que se desconfía das persoas empobrecidas e non das enriquecidas!

Nestes días varias persoas beneficiarias da RISGA recibiron no seus domicilios a inesperada visita dunha inspectora da Xunta. Sen previo aviso, unha funcionaria presentouse na vivenda dalgunhas delas, semella que escollidas ao chou, co fin de contrastar os datos recollidos nos seus expediente. Deste xeito a inspectora preguntaba e pedía documentación sobre aspectos tan diversos como: selado do paro, ingresos dos membros da unidade familiar, estado dos trámites de divorcio…

Coa escusa de controlar os casos de fraude dentro dos perceptores da RISGA a Xunta obriga a pasar a moitas persoas por unha nova rolda de recoñecemento, volvendo a preguntar por datos e a pedir explicacións sobre feitos que coñecen dabondo.

A Xunta lonxe de arranxar a desfeita da RISGA, preocupase agora por controlar o fraude dentro do colectivo de perceptores da RISGA. Lembramos que a RISGA nestes momentos esta marcada pola restritiva aplicación dunha nova lei sen desenvolver, polos elevados meses de agarda, por contías de miseria, por cobertura social ridícula…

Está moi ben que a Xunta se preocupe por como se empregan os cartos de todas, pero en vez de sinalar ás persoas máis vulnerables economicamente, aconsellamos que comece mellor por controlar ás grandes fortunas e empresas e o seu abano de medios para evadir impostos. Acaso non hai sentenzas, datos, investigacións abertas… que apuntan a que os cartos de todas escapan sempre ás mans dunha minoría? Déixennos tranquilas!

A RISGA e outras axudas sociais son consecuencia da necesidade que teñen os poderes de simular que “parchean” -iso si, con moitos límites- as consecuencias máis sangrantes dun sistema económico excluínte e inxusto. Moitas veces falamos do mal reparto da riqueza no capitalismo; para nós as saídas non pasan pola esmola das axudas sociais, senón por superar a RISGA e chegar á Renda Básica das iguais, como dereito de toda persoa a unha contía coa que cubrir as necesidades elementais.

Etiquetas: