II Semana Galega pola Renda Básica das Iguais. Ferramentas para unha vida digna
Un ano máis as xentes da ODS-Coia, Grupo de Axitación Social (GAS) e Baladre xuntamos forzas para reivindicar o dereito a vivir dignamente nunha semana de actividades por diferentes cidades galegas.
Malia os discursos que falan de recuperación, a realidade é teimuda e segue a amosarnos cada día como o empobrecemento e a precarización da vida van a máis. O agravamento da situación de exclusión na que xa vivían millares de persoas mesmo antes da irrupción da “crise”, a dificultade de cubrir necesidades básicas e a vulnerabilidade vital que atinxe a parcelas cada vez mais amplas da poboación son facilmente palpábeis para calquera que non estea de costas ao día a día á realidade.