Vídeo y crónica del taller "Contra a pobreza enerxética, alternativas e dereitos"

Solapas principales

Facía tempo que seguiamos, de lonxe, o traballo da Alianza Contra a Pobreza Enerxética. Co obxectivo de coñecer mellor a loita desta plataforma convidamos a María Campuzano (APE e Enxeñería Sen Fronteiras) para falar sobre pobreza enerxética e loitas en contra dos grandes oligopolios que controlan a enerxía.

O venres fixo unha presentación do tema na Casa do Matadoiro de Compostela da man das compas de Baladre. O sábado, en formato obradoiro e nunha sala que ficou pequena, achegámonos ao tema e a realidade que temos na Galiza.

Na xornada puxéronse de manifesto dúas vías necesarias que cómpre que sexan complementarias para loitar contra a pobreza enerxética e os oligopolios da enerxía: a loita e a formación colectiva e asemblearia -segundo o modelo das PAHs- e a participación en cooperativas de enerxía, en Galiza por exemplo A Nosa Enerxía.

Falamos tamén do escandaloso caso das vivendas sociais que asigna a Xunta de Galicia a familias en situación de emerxencia. Vivendas que son entregadas sen teren de alta: luz, auga ou gas; situación que obriga ás beneficiarias a teren que desenvolver enormes contías de cartos -que non teñen- para acceder a ditos subministracións sen que administración garanta ditos servizos.

Púxose de manifesto a necesidade de formación e información colectivas para loitar contra a opacidade e a avaricia das eléctricas, que só miran polos seus beneficios. Falamos tamén da necesidade de presionar aos concellos para remunicipalizar as concesións da auga, como a que ten Aqualia en Vigo.

E incidimos tamén na responsabilidade das administracións e sobre todo das empresas con beneficios multimillonarios, que pretenden culpabilizar ás persoas de estaren en situación de pobreza enerxética.

Rematamos a xornada dando as grazas a María e a todas as participantes, convidámonos a organizar a loita por estes dereitos básicos e algunhas aproveitamos para compartir os alimentos e seguir falando de resistencias.

Etiquetas: